Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 19 de febrero de 2020

Presentación do catálogo: "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos '70"


O venres 21 de febreiro as 20.00 h preséntase no Museo Etnolóxico o catálogo da exposición temporal "Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos `70", contaremos coa presenza de Sabela Fraga Costa, comisaria e autora dos textos e Juan Venditti, de 7H Cooperativa Cultural, deseñador do catálogo. No catálogo queda reflectida a importancia do fondo documental desta Agrupación Cultural ribadaviense, conservada pola xente que formou parte dela: documentación administrativa, recortes de xornais, fotografías, folletos, follas voandeiras..., que axudaron a elaborar a liña de vida da programación de Abrente relacionada coa arte galega que se pode ver na exposición e consultar no catálogo, destacar tamén a entrevista que a comisaria da exposición lle realizou a cinco integrantes da Agrupación e que se pode ler no catálogo.



Así mesmo procederase á inauguración da segunda fase da exposición sobre a colección de arte procedente da doazón da obra desta agrupación cultural, cuxa colección contén 58 obras dun total de 29 autoras e autores. Nesta segunda fase exporanse obras de Bea Rey, Vidal Souto, Reimundo Patiño, Enrique Conde, Prego de Oliver, Virxilio, Xosé Luis de Dios, Alejandro Gómez Cruz, Conde Corbal, Xaime Quesada, Joaquín Ramón Pérez Caamaño.


obra de Vidal Souto
obra de Reimundo Patiño



Neste enlace podedes ler a entrevista coa comisaria Sabela Fraga que lle fixo Xermán Hermida para o portal do Consello da Cultura Galega AQUÍ  onde fala desas outras facetas da Agrupación Cultural Abrente, menos coñecidas que a do teatro galego, de dinamizadora e ate axitadora cultural dese momento histórico de finais da ditadura franquista así como do legado artístico conservado. Indica Sabela Fraga  que a colección "amosa un contexto histórico determinado, fala daquela época. Por unha banda reflicte o traballo desta asociación cultural e pola outra a vontade que tiñan tamén os artistas por achegar a arte ao pobo alén de espazos como museos e galerías". Ademais, "moitas das pezas beben do contexto represivo, de xeito máis ou menos claro, e na exposición poñémolas a dialogar".

obra de Virxilio