lunes, 29 de septiembre de 2014

VI xornadas internacionais de educación social e xerontoloxía

Este ano 2014 o Museo Etnolóxico foi convidado para participar nas VI xornadas internacionais de educación social e xerontoloxía co título: Boas prácticas: profesionalización e experiencias xeragóxicas, organizadas polo Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia (CEESG) e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo que terán lugar o mércores 1 de outubro no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do Campus de Ourense, o acceso o programa das xornadas AQUÍ.

A participación do Museo nestas xornadas é por partida dobre:

-por un lado o día 1 de outubro ás 17.30 a equipa técnica do Museo Etnolóxico formada por: Pilar Iglesias, Rosa Lamas e Xosé Carlos Sierra xunto coa profesora da Universidade de Vigo Fátima Braña falarán do programa Lembrar no museo incluido no proxecto Museo Aberto, e máis concretamente da exposición: Lembrar no museo 2005-2011 resultado do traballo con persoas afectadas coa enfermidade de alzheimer, que estivo até hai pouco exposta nas salas do Museo

-por outro lado na pranta baixa do Edificio de Ferro do Campus de Ourense estarán expostos, durante oito días desde o día 1 de outubro, os paneis que forman parte da exposición: Lembrar no museo 2005-2011, nos que se pode ver a través de imaxes e de reflexións o proceso de traballo durante varias edicións, e sempre en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), da utilización do patrimonio cultural con persoas afectadas polo alzheimer acompañadas das persoas que as coidan.


Foto da exposición: Lembrar no museo 2005-2011 nas salas do Museo Etnolóxico 















Foto da exposición Lembrar no Museo no Campus de Ourense. Universidade de Vigo






jueves, 25 de septiembre de 2014

Restauración dun conxunto de cinco pizarras escolares



proceso de eliminación das corrosións

O fondo Elvira Álvarez Vega (antiga mestra de escola), constitúe unha interesante colección de pezas relacionadas co mundo pedagóxico de mediados do século pasado.


A este fondo pertencen estas cinco pizarras recentemente restauradas. Son pizarras empregadas polos escolares para realizar as súas tarefas na escola, nuns anos nos que o papel era un artigo valorado, e non de usar e tirar. A maiores, unha das pizarras forma conxunto cun total de 14 pizarríns, as barras cilíndricas de pizarra que se empregaban para escribir.


limpeza de pizarra fragmentada con contas inscritas

Os tratamentos comúns de restauración levados a cabo nas placas de pizarra foron adhesións de fragmentos e eliminación de corrrosións. Ademáis, todas as pezas limpáronse con diferentes métodos, coidando de non eliminar os restos das inscricións conservadas escritas sobre elas polos antigos alumnos, como contas numéricas ou redaccións.



O proceso de restauración con máis detalle pode verse a través de imaxes no taboleiro de pinterest do Museo Etnolóxico, neste enlace AQUÍ 

pizarra e pizarríns para escribir

miércoles, 17 de septiembre de 2014

Curso UNED "Minería no occidente ourensán: estaño, volframio e ouro"

O sábado 20 de setembro no Museo Etnolóxico celebrase o curso organizado pola UNED: ""Minería no occidente ourensán: estaño, volframio e ouro" dirixido polo noso compañeiro César Llana. Desde as 9 da mañá até as 21 h. da tarde especialistas nesta materia falarán pola mañá da arqueoloxía industrial, da minería do estaño e do ouro do seu pasado e do seu presente, e xa pola tarde guiados polos arqueológos Manuel García Valdeiras e Jorge Lamas Bertolo visitaranse varios xacementos mineiros da comarca de O Ribeiro.

Folleto do programa e folla de inscrición.