Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 30 de diciembre de 2020

En xaneiro festexamos...

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a iniciar este 2021 de pandemia pensando, lembrando e reflexionando sobre algúns dos festexos do mes de xaneiro coma a Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Explícanos o que son as "sortes" e as "resortes" tan importantes para o resto do ano, así como outras tradicións, historias, refráns, hagiografía: san Xián "é parricida e hospitaleiro é, como di Flaubert, a versión cristiá de Edipo", santo Amaro "Conta a lenda que Amaro emprendeu unha peregrinación para chegar ao Paraíso"...

E moito máis que encontraredes neste texto de Pilar Vilaboi premendo nos enlaces.

 


                                                                  

                                                                              Descarga preme AQUÍ

                                                                              Consulta preme AQUÍ

 

 

             [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano. A orixe do seu nome está na denominación latina Ianuarius para o undécimo mes do ano (o primeiro a partir da reforma de Xulio César), que viña sendo o mes dedicado ao deus Xano. Existe a crenza de que os primeiros doce días do mes prognostican o que vai acontecer nos meses correspondentes: o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. Esta anticipación meteorolóxica chámase as sortes. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ao prognóstico que anunciaron as sortes. Os pechos son do 25 ao 28 de xaneiro e anuncian o tempo da primavera, verán, outono e inverno. Canto ás lúas dise que a lúa morta, a lúa de xaneiro, é a mellor para matar o porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa e no minguante seguinte para afumalo e curalo. Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño aluaría, nin se deben podar as viñas porque a lúa morta de xaneiro as deixaría aterecidas coa xeada. Este mes tamén se coñece como mes de san Antón, polo 17 de xaneiro. Existe a locución andar á xaneira, que en sentido recto significa estar as gatas en celo e, por extensión, sobre os mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas. Algúns refráns sobre este mes son: A auga de xaneiro mata ao usureiro; ou Pito de xaneiro, vai coa súa nai ao poleiro.

 ...

 

                                                  Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Foto Patricia Cid Blanco
 

O día 20 celébrase san Sebastián, nome que provén do latín Sebastianus, derivado do grego sebastós ‘digno de respecto, venerable’. Posiblemente estea emparentado con este nome o topónimo Sabaxáns en Vigo, xa que está ben documentado o uso da variante Sebaschán. Na Cartografía dos apelidos de Galicia só hai 270 casos de Sebastián como apelido, ningún caso de Sabaxáns nin de Sebaschán nin do feminino Sebastiana. É un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VI. Foi avogoso da peste durante a Idade Media ata que a finais do século XV a xente empezou a confiar en san Roque. Coñécese o Voto que lle fixo a vila de Pontevedra no 1515: en 1832 únese a este culto o de san Roque, pero faise constar o dereito que ten san Sebastián nesta vila. É patrón da vila de Pontevedra e titular de 13 parroquias. En Castro Caldelas celebran a Festa dos Fachós a véspera de san Sebastián, o día 19, cunha procesión nocturna de fachos; nela van dicindo: Viva san Sebastián i o bispo i o can! San Sebastián deu nome neolatino a Donostia, en Euskadi, e a Sebastopol, na costa de Crimea en Ucrania. Canto a tradición oral, aparece en refráns como: Mociño San Sebastián, saca ás nenas a pasear; Andar, barquiñas, andar, que san Sebastián non vos colla no mar; ou As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán.

martes, 22 de diciembre de 2020

"San Cipriano o Mago. De oracións, ciprianillos e tesouros". Exposición

 A exposición San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros chega ao Museo Etnolóxico. Esta mostra supón unha achega á figura de San Cipriano de Antioquía o santo máxico cristián por excelencia, patrón e protector dos practicantes das artes máxicas e contra os maleficios.

A selección de pezas de diferente natureza buscan amosar a súa ambivalencia na realidade e no imaxinario popular, pola súa fama de Santo vinculado con prácticas relixiosas en toda Europa, África e parte de oriente dende antigo, senlleiramente mediante a “Oración de San Cipriano”, eficaz contra feitizos e o mal de ollo; e por outra banda con prácticas máxicas relacionadas co libro de maxia coñecido como “Libro de San Cipriano” ou ciprianillo na península ibérica, vinculado en Galiza e Portugal á busca de tesouros ocultos, contextualizando esta obra no mundo dos libros de maxia e prácticas máxicas europeas.

 A exposición compónse dun total de máis de 150 obxectos, unha pequena mostra dos libros e obxectos recompilados polo antropólogo Félix Castro Vicente durante os últimos vinte anos sobre a figura e culto de San Cipriano o Mago, que foi tan popular en Galiza para protexer de meigallos e mal de ollo e tamén para a busca de tesouros escondidos. 

 


50 obxectos relixiosos relacionados con San Cipriano (oracións de San Cipriano, gravados, pregos de cordel, libros de vidas de santos, iconos, amuletos, rolos máxicos etíopes) procedentes de numerosos países, España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia, Etiopía,  etc.
20 libros de maxia (grimorios) europeos  (escandinavos, alemáns, italianos, franceses), moitos deles do s. XIX, algúns vinculados directamente a San Cipriano e outros textos que influenciaron no contido dos nosos ciprianillos.
40 libros de san Cipriano do s. XIX ata mediados do s. XX, incluíndo as edicións primeiras e máis buscadas edicións coñecidas, tanto portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas, etc.  

 

 
18 obxectos relacionados coa busca de tesouros (varas de san Cipriano para localizar tesouros ocultos, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, reproducións de gacetas e listas de tesouros, etc.)
25 obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo, tanto obxectos esotéricos como cartas de cartomancia, amuletos e aneis; de Santería (aceites, velas, etc.) como de bruxería tradicional de Galicia (incluíndo a alla das bruxas).

 


miércoles, 9 de diciembre de 2020

Cine de outono. Miradas Etnográficas 8

 

 

Este 2020, ano da pandemia Covid_19, a oitava edición do ciclo de cine do outono: Miradas Etnográficas será no Centro Social da Igrexa da Madalena, cunha escolla especial de filmes para celebrar o 50 aniversario do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, que colabora neste ciclo desde o seu inicio na selección e proxección dos filmes. 

As sesións son de balde ata completar á capacidade da sala.

Moitas grazas ao Concello de Ribadavia pola cesión da sala da Igrexa da Madalena para a proxección dos filmes.

 

Sábado 12 decembro 19.00 h  

 ESTRUTURAS. PEL CONTRA PEL 

Director Paco Gallego e Xosé Bocixa | España, 2015 | 86’ | VOG/VOE

O documental amosa un conxunto de actuacións de responsabilidade colectiva que repercuten no urbanismo e na paisaxe: a explotación forestal, os tendidos eléctricos de proporcións desmedidas, a actuación humana ante o crecemento pobacional, o abandono do patrimonio, as obras inacabadas, a especulación, etc.

 

Domingo 13 decembro 19.00 h

 O  BOSQUE  ANIMADO

Director José Luis Cuerda | España, 1987 | 103 | VOSE

Nun bosque fantástico dunha aldea  galega do rural "naqueles anos nos que unha galiña custaba dúas pesetas e o bosque de Cecebre era máis extenso e máis frondoso" transcorre a vida, onde un bandido intenta asaltar algo, un poceiro  coxo,  unha  ánima  en  pena,  unha  muller farta da explotación laboral á que a súa tía somete e que decide buscarse a vida pola cidade, un meniño rebuldeiro cunha irmá tamén cativa que traballa máis que dorme, unhas solteironas da capital que foron á aldea para se relaxar, o cura, o garda civil e o señor do pazo chamado, o “D'Abondo”. 

  

Sábado 26 decembro 19.00 h 

O APÓSTOLO

Director Fernando Cortizo | España | 72 | VOG

Un preso foxe do cárcere para tentar atopar un  tesouro  agochado vai anos  nunha aldea do Camiño de Santiago, pero o que atopa suporalle unha condena maior da que fuxiu. Vellos misteriosos, estrañas desaparicións, trasnos, un cura estraño e o arcipreste de Santiago xúntanse no camiño. Un filme de misterio, humor, animación e invención.

 

Domingo 27 decembro 19.00 h

O QUE ARDE

Director Oliver Laxe | España, 2019 | 85 | VOG

A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.

 

Folleto do ciclo 

Descarga AQUÍ

Consulta AQUÍ