miércoles, 30 de diciembre de 2020

En xaneiro festexamos...

Pilar Vilaboi Freire axúdanos a iniciar este 2021 de pandemia pensando, lembrando e reflexionando sobre algúns dos festexos do mes de xaneiro coma a Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Explícanos o que son as "sortes" e as "resortes" tan importantes para o resto do ano, así como outras tradicións, historias, refráns, hagiografía: san Xián "é parricida e hospitaleiro é, como di Flaubert, a versión cristiá de Edipo", santo Amaro "Conta a lenda que Amaro emprendeu unha peregrinación para chegar ao Paraíso"...

E moito máis que encontraredes neste texto de Pilar Vilaboi premendo nos enlaces.

 


                                                                  

                                                                              Descarga preme AQUÍ

                                                                              Consulta preme AQUÍ

 

 

             [Fragmento do traballo de Pilar Vilaboi Freire]

 

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano. A orixe do seu nome está na denominación latina Ianuarius para o undécimo mes do ano (o primeiro a partir da reforma de Xulio César), que viña sendo o mes dedicado ao deus Xano. Existe a crenza de que os primeiros doce días do mes prognostican o que vai acontecer nos meses correspondentes: o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. Esta anticipación meteorolóxica chámase as sortes. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ao prognóstico que anunciaron as sortes. Os pechos son do 25 ao 28 de xaneiro e anuncian o tempo da primavera, verán, outono e inverno. Canto ás lúas dise que a lúa morta, a lúa de xaneiro, é a mellor para matar o porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa e no minguante seguinte para afumalo e curalo. Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño aluaría, nin se deben podar as viñas porque a lúa morta de xaneiro as deixaría aterecidas coa xeada. Este mes tamén se coñece como mes de san Antón, polo 17 de xaneiro. Existe a locución andar á xaneira, que en sentido recto significa estar as gatas en celo e, por extensión, sobre os mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas. Algúns refráns sobre este mes son: A auga de xaneiro mata ao usureiro; ou Pito de xaneiro, vai coa súa nai ao poleiro.

 ...

 

                                                  Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Foto Patricia Cid Blanco
 

O día 20 celébrase san Sebastián, nome que provén do latín Sebastianus, derivado do grego sebastós ‘digno de respecto, venerable’. Posiblemente estea emparentado con este nome o topónimo Sabaxáns en Vigo, xa que está ben documentado o uso da variante Sebaschán. Na Cartografía dos apelidos de Galicia só hai 270 casos de Sebastián como apelido, ningún caso de Sabaxáns nin de Sebaschán nin do feminino Sebastiana. É un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VI. Foi avogoso da peste durante a Idade Media ata que a finais do século XV a xente empezou a confiar en san Roque. Coñécese o Voto que lle fixo a vila de Pontevedra no 1515: en 1832 únese a este culto o de san Roque, pero faise constar o dereito que ten san Sebastián nesta vila. É patrón da vila de Pontevedra e titular de 13 parroquias. En Castro Caldelas celebran a Festa dos Fachós a véspera de san Sebastián, o día 19, cunha procesión nocturna de fachos; nela van dicindo: Viva san Sebastián i o bispo i o can! San Sebastián deu nome neolatino a Donostia, en Euskadi, e a Sebastopol, na costa de Crimea en Ucrania. Canto a tradición oral, aparece en refráns como: Mociño San Sebastián, saca ás nenas a pasear; Andar, barquiñas, andar, que san Sebastián non vos colla no mar; ou As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario