Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 24 de enero de 2018

Exposición: "Miradas a la arquitectura popular en España. Colección fotográfica de Carlos Flores"



Inauguración da exposición producida polo Museo  Etnográfico de Castilla y León:


"Miradas a la arquitectura popular en España. Colección fotográfica de Carlos Flores" 

 Venres 26 de xaneiro de 2018 ás 20.00 h

     no Museo Etnolóxico. Ribadavia



Asistirán o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o director do Museo Etnográfico de Castilla y León.


  

A arquitectura popular en España é hoxe en día un patrimonio vivo pero vulnerable. É historia palpable de mans e mentes que modificaron paisaxes e moldeado hábitats con gran sensibilidade e pericia ao longo dos séculos. Un acervo cultural moitas veces denostado, relegado ao pintoresco, reducido ao rural, convertido en imperfecto, e poucas veces estudado con mirada observadora, científica e holística.

A presente exposición apela ao respecto ambiental, á eficiencia enerxética e á defensa de tipoloxías construtivas así como de trazados urbanos por e para o ser humano. Conceptualmente, a mostra non se concibe como un proxecto técnico e documental destinado a un público especializado, senón como un espazo de reflexión que poña de manifesto o carácter involutivo do suposto progreso, as maneiras habitacionais actuais, a recuperación de materiais e os cambios sociais que xeraron modificacións substanciais no concepto do lar. Para isto, emprégase unha selección de fotografías da colección de Carlos Flores (7.000 negativos aproximadamente) para xerar un discurso divulgativo que sexa á súa vez aparato crítico.  

A mostra compleméntase cun catálogo editado polo Museo Etnográfico de Castilla y León no que se recolle unha serie de textos e fotografías.


Mabegondo (A Coruña, 1968). Foto Carlos Flores


Carlos Flores (Cuenca, 1928): trasládase a Madrid onde obtén o título en arquitectura (1958) e posteriormente o grao de doutor (1965); a súa obra Arquitectura Española Contemporánea (1961) contribuíu á consolidación do Movemento Moderno en España e deulle o recoñecemento profesional dentro e fóra de España. En 1973 publica Arquitectura Popular Española, obra en cinco volumes na que ao lado dunha tese socioeconómica propia acerca da arquitectura tradicional, inclúe un extenso apartado gráfico que dende a mirada do arquitecto constitúe unha achega de necesaria consulta para o etnógrafo.
Nesta mostra producida polo Museo Etnográfico de Castilla y León temos a oportunidade de gozar dunha selección das fotografías feitas por Calos Flores durante o seu traballo de campo.

 

Horario da exposición:    Martes a venres: 10:00 h. a 20:00 h.
                                             Sábados e domingos: 11:00 h. a 14:30 h.
                                             Festivos: pechado


Folleto da exposición: