Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

miércoles, 31 de agosto de 2016

Espazos sonoros 2016: Roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos + concerto de Tres Pesos


Este ano 2016 o festival Espazos Sonoros: músicas en espazos de interese cultural desenvolve unha das súas actividades en Ribadavia, será o sábado 10 de setembro, consistirá nun roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos e no concerto de Tres Pesos.

ROTEIRO FLUVIAL:
A xornada comenzará  as 15.00 h. co roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos, unha ruta comentada para coñecer o noso patrimonio, a actividade é de balde mais é preciso facer unha inscrición antes do 7 de setembro.
Hora e lugar de encontro: 15.00 h, diante do Museo Etnolóxico de Ribadavia
Duración: 2 horas e media aprox.
Distancia: 8 km
Dificultade: baixa
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 27 de agosto ao 7 de setembro no correo: actividades@espazossonoros.org

Unha ruta que sairá do propio Museo Etnolóxico para seguir o camiño á beira do río Avia ata a pequena igrexa de San Xes de Francelos do século IX e a granxa vitivinícola de Outeiro, unha antiga explotación que data do século XII e que pertenceu aos monxes de Melón. 
Trátase, no seu conxunto, dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística, na que se observa unha fonda pegada da man transformadora das persoas que ao longo dos séculos traballaron e fixeron produtivas estas terras. O camiño conduciranos finalmente ata o Pociño de Francelos, as pozas naturais que forma o río Brul, tamén coñecido como río Outeiro, ao seu paso pola aldea. E de volta a Ribadavia.

Podedes ver o percorrido completo da ruta picando neste enlace AQUÍ .

CONCERTO:


Despois do roteiro a cita será ás 19.00 h. no Museo Etnolóxico co concerto do Tres Pesos música de raíz, música de hoxe.
Tres Pesos está formado por tres músicos de fonda traxectoria no eido da música tradicional: Felisa Segade na voz e percusións tradicionais, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) na gaita, clarinete, voz e percusións, Estevo Lamas no acordeón, voz e percusión. O proxecto nace en 2013 e sae a escena, por primeira vez, nun concerto realizado  nas festas de San Pedro do ano 2014, en Santiago de Compostela. Nese mesmo ano gravan o seu primeiro traballo, Acta fundacional, nos estudios da Radio Galega.
O concerto é de balde e non precisa inscrición.


Un anaquiño da actuación de Tres Pesos no patio do Museo Etnolóxico:

No hay comentarios:

Publicar un comentario