viernes, 4 de diciembre de 2015

Cine de outono: Miradas Etnográficas 3

Este decembro de 2015 retomamos, coa colaboración do Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia, o ciclo de Cine de outono este ano é a terceira edición das Miradas Etnográficas, centradas na restauración de filmes xa convertidos en documentos da antropoloxía visual.
Dous dos filmes: "Festa, trabalho e pão em Grijó da Parada" do portugués Manuel Costa e "Os Oleiros" do ourensá Eloy Lozano serán proxectados en 16 mm polo proxeccionista Cris Lores do Cineclube de Pontevedra,  unha forma de ver cine da que xa pouca xente pode gozar e da que nos falarán no incicio da proxección. Estes dous filmes foron transformados en formato dixital, para a súa conservación pola Federación de Cineclubes de Galicia.
Por outro lado o filme "Orense al día" do emigrante ribadaviense Amando Hermida Luaces, foi restaurado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) .

Todas as proxeccións serán ás 20.30 h. no Museo Etnolóxico.


 Xoves 10 de decembro


FESTA, TRABALHO E PÃO EM GRIJÓ DA PARADA
(Portugal, 1974) 35 min. Proxección en 16 MM
Dirección e realización: Manuel Costa e Silva
Produción: Instituto de Tecnologia Educativa

Mistura as antigas tradicións dos “caretos”, personaxes mascarados, típicos das festas do Ciclo de Inverno e do Ciclo de Primavera, coa realidade cotiá da vida rural dos anos setenta do S. XX en Grijó de Parada, unha aldea do nordeste trasmontano, perto de Bragança, confrontando o individualismo moderno co colectivismo tradicional. Estas festas de máscaras relacionadas co ano solar pódense relacionar cos rituais do Entroido ourensán.
Esta mediametraxe é un dos primeiros documentais do Novo Cinema portugués que se insere na práctica da antropoloxía visual, utilizando as técnicas do cinema directo na vida dunha aldea típica de Trás-os-Montes.

Martes 15 de decembro 

ORENSE AL DÍA

(Arxentina 1959) 69 min.
Dirección, guión e fotografía: Amando Hermida Luaces
Produción: Hermi Films

“Galicia al día” é un documental dirixido e producido polo veciño do Ribeiro Amando Hermida Luaces, emigrante galego na Arxentina. Presenta un percorrido documental pola Galicia de finais dos anos cincuenta do século pasado: costumes, paisaxe, tradicións, festas, arte.. concebido para ser exhibido entre a emigración galega, está estruturado en catro partes, unha por cada provincia. A locución corresponde a unha figura tan popular como a de Tacholas.
A dixitalización desta película levouse a termo a partir dos materiais en 16 mm depositados por Amando Hermida Luaces no CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe).

Xoves 17 de decembro 

 OS OLEIROS
(España, 1975) 20 min. Proxección en 16 MM
Dirección: Eloy Lozano, Xoán C. F. Pulpeiro
Produción: Ana Fernández Puentes, Feciga (Federación de Cineclubes de Galicia)

Un dos primeiros traballos documentais do director ourensán Eloy Lozano, onde ademais de reflectir o oficio tradicional da olaría na provincia de Ourense, non deixa de lado o tema socio-político facendo unha reflexión visual, nos primeiros planos, á memoria da represión en Galicia. Esta mediametraxe pódese considerar un documento da antropoloxía visual de Galicia.

Sábado 19 de decembro 

CAMIÑO Á ESCOLA (Sur le chemin de l'école)


(Francia, 2013) 75 min.
Dirección: Pascal Plisson
Música: Laurent Ferlet
Produción: Winds,  Ymagis, Wild Bunch

Un documental que narra a historia real e extraordinaria de catro nenos, heroes cotiáns -Jackson, Carlitos, Zahira e Samuel- que deben enfrontarse diariamente cunha multitude de adversidades e perigos para chegar á escola. Estes nenos viven en catro puntos moi distantes da terra: India, Arxentina, Kenia e Marrocos, pero comparten as mesmas ganas de aprender e son conscientes de que só a educación lles abrirá as portas a un porvir mellor.
O documental conta co patrocinio da UNESCO.
En 2013 recibiu o Premio César do cine francés ao Mellor Documental.

Folleto coa sinopse dos filmes:



No hay comentarios:

Publicar un comentario