martes, 21 de febrero de 2017

Exposición: "Xungir non é esmorecer, senón medrar"



Exposición: Xungir non é esmorecer, senón medrar
Fotografías de Rita Blanco Fernández
no local social da "Igrexa da Madalena"

                                       do 22 de febreiro ao 31 de marzo de 2017
     Horario:   Martes a Venres: 12 a 14 h. e 17 a 19 h.
                                        Sábados e Domingos: 11,30 h. a 14 h.

Ourense é terra de Entroido. Ao longo de toda a xeografía da provincia sucédense unha chea de entroidos con caras diferentes. Na comarca de Maceda sae á rúa o anárquico e rebelde felo, brandindo o caxato e perseguindo aos que se meten con el. Na Limia os protagonistas son varios. En Xinzo é a pantalla quen molesta a quen non se disfraza portando nas mans unhas vexigas indoloras pero non inodoras. Na veciña Serraus, os vergalleiros optan por acompañar a charanga mentres chaman cos seus cornos a participar na festa.
Cada Entroido ten a súa simboloxía e ritos propios que os diferencian e fan singulares pero tamén teñen semellanzas. Nunha xuntanza entre felos, vergalleiros e pantallas e noutra en Murcia durante as «Fiestas de Primavera» do 2013, a fotógrafa captou o entendemento entre eles.
De formación autodidacta, leva colaborando dende hai anos coa promoción do Entroido da provincia a través do de varias iniciativas, como son a cooperación no blogue Felos de Maceda e na páxina web Felos de Maceda ou con diversas fotografías para libro de Óscar J. González Mascaradas de la península Ibérica. É tamén membro activo da asociación fotográfica «Os Potiños» do Carballiño.
A artista busca reflectir nesta exposición apoiada pola «Asociación Felos da Corga da Serra de Maceda», da que é secretaria, dous aspectos fundamentais. Por unha banda, o valor da fotografía como reportaxe ao captar escenas que se describen co movemento como elemento particular e fuxindo do estático. Por outra, a súa paixón polo Entroido que queda patente na beleza e colorido das máscaras e traxes. Antes de chegar a Ribadavia, esta mostra estivo no Museo Etnográfico Liste (Vigo), no Castelo Monumento de Maceda e no Pazo da Cultura de Carballo, entre outros.
No Catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia  AQUÍ escribindo na caixa de búsqueda o termo: entroido ou carnaval podedes encontrar moita bibliografía.
Tamén no blogue da Biblioteca do Museo Etnolóxico hai un pequeno artigo sobre as máscaras do entroido ourensán AQUÍ .


No hay comentarios:

Publicar un comentario