Museo Etnolóxico Ribadavia

Museo Etnolóxico Ribadavia
Vista do patio interior do Museo

lunes, 13 de abril de 2020

Cantinas escolares

A comezos do século XX en España implántanse novas tentativas pedagóxicas e lexislativas no mundo da ensinanza. Concienciar e incentivar aos pais da necesidade de educar e enviar aos seus fillos e fillas á escola, evitando así o absentismo e o elevado analfabetismo, sería un dos pasos para contribuír á modernización e europeización da educación española.
Nacen entón, asociados a ensinanza e cun carácter netamente benéfico, os primeiros programas de alimentación infantil coas chamadas Cantinas Escolares, destinadas a proporcionar alimento e sanidade tanto a nenos e nenas orfas como aquelas e aqueles cuxas nais, por ocuparse do fogar ou pola precariedade económica, non podían atender.
A Xunta de Protección á Infancia era a encargada de instalar o comedor en boas condicións hixiénicas e de comodidade ademais de proporcionar a cada neno e nena o material necesario para o subministro alimentario e un prato quente. Había unha encargada para a limpeza e o reparto da comida diaria, e os profesores e profesoras gratuitamente encargábanse de vixiar e educar durante as comidas.

Fondo Fotográfico. Museo Etnolóxico

A fotografía ilustrativa que data do ano 1934, mostra a Cantina Escolar de Ribadavia, dirixida por Antonia Ortiz Currais (1886-1985), nese mesmo ano promove a organización da Semana Pedagóxica de Ribadavia, con anterioridade Antonia Ortiz dirixira a Cantina Escolar de Ourense.
No Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega AQUÍ  hai información detallada sobre a vida de Antonia Ortíz Currais, primeira muller inspectora de Educación en Galicia e acceder á galería de imaxes do seu arquivo persoal. Neste álbum pódese ver outra interesante fotografía da Cantina Escolar de Ribadavia, así como o programa e o grupo participante nesa Semana Pedagóxica de Ribadavia.
No catálogo de Museos de España CERES, pódese encontrar a ficha de catalogación da fotografía edeste artigo, así como doutras que forman parte do fondo documental do Museo Etnolóxico.

#aculturasegue #aculturagalegasegue #EuQuedoNaCasa

No hay comentarios:

Publicar un comentario