lunes, 16 de noviembre de 2020

PD. Lémbrame (as tarxetas enteiropostais)





    Hoxe con motivo do Día mundial do Patrimonio queremos aproveitar para recordar a importancia do patrimonio vinculado aos medios de comunicación como unha maneira de entender mellor a sociedade do pasado. Utilizando as novas redes que definen as relacións sociais do noso presente, queremos achegarvos as orixes da tarxetas postais, as tarxetas enteiropostais.

    As tarxetas postais que con ilusión mandamos dende un pais estranxeiro á casa, as tarxetas postais que felicitan o nadal etc, teñen unha orixe curiosa que nos fala da necesidade de conseguir un método de comunicación mais rápido e barato que a tradicional carta.

    Algunhas investigacións relacionan a aparición da tarxeta postal co ano 1840. Foi entón cando Sir William Mulready, deseñou uns sobres que contaban co selo impreso para logo introducir a carta dentro. Parece que nese momento, algunhas persoas empezaron a ver o reverso do sobre como o espazo idóneo para escribir as súas mensaxes se estas eran curtas, reducindo tempo e papel no envío. Se ben puido ser esta tendencia, case filla da vagancia ou do aforro, a que puido dar a idea para institucionalización das tarxetas postais, non sería ata 1869 cando un país decantarase por a introdución dun tipo de comunicación aberta.




    Nese ano a monarquía astro-húngara desenténdese dalgunhas voces que non crían no éxito dun medio de comunicación non reservado, e estandariza as dimensións e o prezo das tarxetas postais emitidas polo goberno, abaratando os cortes de envío respecto dunha carta ordinaria. Pouco a pouco os diferentes países foron utilizando a modalidade de enteiros postais (un elemento emitido por unha entidade oficial de correos que leva impreso un emblema mostrando o valor específico que indica que el franqueo xa foi pagado) para crear as súas tarxetas postais. España decide aprobar a circulación de tarxetas enteiro postais no ano 1871, prohibe as de fabricación privada, pero non emitirá a primeira tirada (deseñadas por Joaquín Pi i Margall) ata o ano 1873. Nese momento o prezo dunha tarxeta postal era de seis céntimos de peseta (o prezo do selo) e podíanse engadir outros complementarios no caso de ter sido que enviar o estranxeiro. No sería ata o 1887 cando o goberno comeza a dar a liberdade na creación de tarxetas postais por particulares, ampliándose os temas representados e dando a orixe as tarxetas postais modernas, que recollen, por exemplo, sitios emblemáticos dunha cidade ou outras expresión de patrimonio cultural.

    ¿Pero que supuxo a introdución de esta nova forma de comunicación nese momento? Poderíamos estar tentados a pensar que as tarxetas postais pasaron por substituír as cartas pero sabemos que non foi así. As tarxetas postais foron utilizadas por todas as clases sociais, a xente tivo a opción de se comunicar con mais frecuencia; supuxo o método de comunicación mais habitual entre as familias divididas entre a cidade e o campo, pero tamén un método de comunicación moi utilizado para o comercio. Supuxo unha mensaxería rápida para época, unha ferramenta mais que non sempre eliminaba a necesidade dunha explicación longa por carta, igual que non sempre o Whatsapp pode evitar o ter que levantar o teléfono.

    Estas imaxes dos enteirospostais que vos presentamos hoxe, consérvanse no museo xa que son mostra dun dos aspectos relacionais dunha sociedade, unha chave para entender mellor o pasado, e polo tanto unha parte do patrimonio común que merece a pena coñecer e preservar.

Feliz Día Internacional do Patrimonio Mundial a tod@s!

Bibliografía:

Roig Meca, Ángel J.(2004).Tarjeta postal: Región de Murcia, Cehiform

López Hurtado.M (2013) La tarjeta postal como documento. Estudio de usuarios y propuesta de un modelo analíco. Aplicación a la colección de postales del ateneo de Madrid (Tese). [Consulta en:https://eprints.ucm.es/23004/] [Data de consulta: 11/11/2020]




No hay comentarios:

Publicar un comentario