miércoles, 9 de febrero de 2011

HISTORIA DO MUSEO ETNOLÓXICO

    
O Museo Etnolóxico é un museo de titularidade Estatal e coa xestión transferida á Xunta de Galicia desde o ano 1989.  Orixinariamente coñecido como Museo de Artes e Costumes Populares iniciou a súa andadura creándose mediante o decreto 2124/1969 do Ministerio de Educación y Ciencia.
En 1979 o edificio pasou ao Ministerio de Cultura como sección etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e como tal abre ao público  o 18 de maio de 1986. O 29 de marzo de 1993 a Consellería de Cultura e Xuventude outórgalle legalmente a condición de museo independente  modificando a súa denominación, que pasa a ser, definitivamente, Museo Etnolóxico.

           A sede do museo é a antiga casa-Pazo do marqués de Bahamonde (Baamonde), pertencente á nobreza recente de orixe burguesa que nace no XIX. As orixes deste pazo poderían remontarse ao século XVI aínda que sufriu diferentes modificacións ao longo dos séculos. A parte máis antiga é a lindante coa igrexa de Santiago, o edificio creceu cara ao norte e cara ao leste (o lado do río) ata pechar este perímetro cun patio interior para servizo da súa adega principal. Este patio interior foi unha horta, unha especie de resío, ata o século XIX. As trazas de fábrica denotan unha arquitectura que encaixa nos séculos XVIII e XIX. Ao longo do século XX levantouse na fachada occidental un corpo superior que enlazaba coa torre do extremo NO do inmoble. No século XX, concretamente en 1908, o Pazo Baamonde foi adquirido por D. José Martínez Vázquez, adiñeirado industrial ribadaviense pero cos seus negocios no Carballiño, foi tamén un notable filántropo local e no seu testamento redactado en 1911 dispoñía que a casa se destinase a actividades benéfico docentes, feito que supuxo a creación dunha fundación que levaba o seu nome (Fundación Martínez Vázquez) e que se dedicou ao ensino básico e profesional de familias humildes da bisbarra. Esta actividade benéfica é a razón pola cal o inmoble é coñecido tamén co nome Casa da Fundación. O último propietario do edificio foi o Concello de Ribadavia que, en 1954, o compra á Xunta Provincial de Beneficencia de Ourense. En 1967 adóptase un acordo para cedelo ao estado, e finalmente en 1978, en sesión plenaria, cédese gratuitamente ao estado para a creación dun museo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario